2 de diciembre de 2012

"É luns e toca encher", entrevista a José Luis Castro Gómez

José Luis Castro Gómez, gasolineiro de
Repsol. É veciño de Tórdea, Castroverde.
Foto: Sebas Senande
 XA ME VOU afacendo ás chaquetas folgadas: que se a de      bombeiro, que se a de barrendeiro... e agora tocoulle á de Repsol. O problema, neste caso, non era a chaqueta senón a roupa que tería que meter por baixo para garantir a miña supervivencia durante varias horas, a cinco graos, nunha das gasolineiras do Ceao, a do Complexo San Cristóbal.
 «¿Frío eu? Nunca. Mira: eu levo unha sudadeira polar e un  ‘niki'. Nada máis», comenta, todo rufo, José Luis Castro Gómez, un dos empregados máis veteranos da estación de servizo.
 José Luis é un home moi feliz co seu traballo. Especialmente, insiste, «pola xornada continua».
 «Aquí turnámonos. Ás veces, tócanos traballar de mañá e outras, de tarde. Pola mañá, o horario é de sete a tres; pola tarde, de tres a once. Pero non importa. O mellor é que a xornada é continua. Así que, aínda que sigo traballando, desconecto a cabeza. Polas tardes, ata hai pouco, traballaba na construción, facendo chapuzas ou na casa. Boto trigo e centeo, teño horta, cozo o pan e tamén lle axudo a meu pai, que aínda vive, a facer cadeiras de xungas. Dou a todo. Restaurei tamén a miña casa e teño estado ata as tres da mañá azulexando para despois vir ás sete para aquí», afirma.
Non se se serán os anos que leva no oficio pero este home ten auténtica gasolina no corpo dado que a súa vitalidade é moi alta. «A min explicoume unha vez o xefe que da cheminea non cae nada, que hai que traballalo. E doulle a razón», insiste José Luis, mentres que cruza de chafariz a chafariz atendendo aos clientes.
«Ola, bos días. ¿Canto pomos? Vaia tempo, ¿eh? Bo, adeus e grazas». José Luis repetiu estas palabras, nunha mañá, 200 veces. As mesmas que aproveitou para fornecer de combustible aos condutores que pararon na gasolineira.
«Aquí dáche tempo a falar de fútbol, de política e do que se tercie. É pouco tempo, pero falas algo con todos. Amañamos o país nun par de minutos. Un compañeiro meu di que, ao final, sacamos a carreira de psicólogos, do que coñecemos á xente. Eu teño un lema, que me funcionou moi ben: atender á xente ben para que se vaia axiña», explica.
Tomo nota. Achégase o primeiro vehículo. A miña pericia para abrir o depósito porase a proba e témolle porque eu son das que, nas gasolineiras de autoservicio, acabo sempre pedindo axuda ao cliente de á beira para abrir ou pechar o tapón. Aquí, neste caso, actúo con seguridade. Desenrosco a tapa e... listo. O cliente pide cheo total e José Luis ponlle o seguro á mangueira.
Mentres tanto, cruzamos a outro chafariz. Só hai un empregado para tres filas e, claro, dun lado para outro moito frío tampouco se pasa. Neste caso, o cliente adiantouse e serviuse el mesmo. Despois, dirixímonos á tenda porque pagará con cartón. «Úsase moito a tarxeta, tanto as que serven para pagar como as comerciais. Tamén se piden moitas facturas porque hai autónomos que usan o coche e, despois, xustifican gastos», conta José Luis.
Despedimos a ambos os clientes e volvemos aos chafarices. Él, coa súa carteira cruzada e, ollo, ben pechada. «Este San Froilán pasoume un caso curioso: veu un home e tocoume na orella cunha man, para despistar, e coa outra intentou abrir a carteira ata que eu lle dixen «quieto! E non pasou nada. A min nunca me atracaron, nin me roubaron», conta.
José Luis non se pon luvas. Está feito ao medio e non ten frío. Pero tamén o fai con outra finalidade: a de detectar a presenza de billetes falsos.
«¿Como se coñecen?», pregúntolle. «Moi fácil, polo tacto sábese perfectamente cales son, parecen papel do váter aínda que agora, ultimamente, xa os preparan moito mellor», indica.
A rutina matinal nunha gasolineira do Ceao comeza cedo, ás sete, cando chegan os primeiros condutores que van traballar á Coruña ou a Santiago. Logo, acudirán os que teñen o seu emprego en Lugo ou no Hula e así ata as nove.
«De sete a nove, non paras. Despois, hai un ‘impasse’ ata as once e media e, a partir das doce ou doce e media, volve haber outra racha porque hai traballadores que saen a esas horas dalgún turno», comenta José Luís.
Desde hai unhas semanas para aquí, está a notarse un aumento de clientes os luns. Isto débese a que os prezos son sensiblemente máis baixos este día da semana. E a xente controla que é unha barbaridade. «Os domingos pola mañá e os venres pola tarde son os días que máis se reposta. Este venres vendemos 15.000 litros, pero o luns foron 14.000 e iso é porque, desde hai tres semanas, o luns baixan os prezos e a xente sábeas todas. O outro día díxome un cliente que tiñamos o gasoil dous céntimos máis barato que nun centro comercial», di.
Pero tamén hai que ter coidado cos timos. A José Luis, nunha ocasión, unha clienta estafoulle 45 euros. «Díxome que lle botara 50 e, á hora de pagar, dicíame que pedira 5. Así que, por non discutir con ela, díxonlle: Arranque, que Deus a ampare! E fóronme 45 euros ao peto», afirma.
Volvemos á tenda para cobrar e tamén para atender a algún cliente que quere comprar algo. Neste caso, unha muller pide varias botellas de leite.
«Aquí o que máis se venden son as lambetadas; bombóns ou unhas galletiñas. Os camioneiros, non, estes levan, sobre todo, queixos e leite», conta.
José Luis goza coa súa rutina e goza contando a súa vida. Tanto é así que xa se está imaxinando a cara de sorpresa da súa filla, tradutora e intérprete, que está en Polonia como voluntaria da Universidade de Vigo. Todo un padrazo.
"El Progreso"

No hay comentarios:

Publicar un comentario