Outra das personaxes que naceron en Castroverde, e que merecen clara mención é Enriqueta Otero Blanco, nada en Miranda no 1902 e falecida no ano 1989, foi unha mestra e gerrilleira antifranquista galega.
Terceira de oito irmáns, estudou no Colexio da Milagrosa de Lugo. Fixo Maxisterio na Escola Normal da Lugo, rematando en 1928. Exerceu de mestra en varias escolas da provincia de Lugo (San Cosme de Barreiros, Ferreirós e Montefurado), no colexio Gómez Baquero de Madrid e, de regreso a Galiza, en Cea (Vilagarcía de Arousa). En 1936 recibiu unha bolsa de estudos en xordomudos, polo que se trasladou ao Colexio Nacional de Xordomudos de Madrid. Nesta época xa se achegara ao PCE e casara cun mestre republicano.
Ao estalar a Guerra Civil, dedicouse á evacuación de cativos ao Levante. Logo traballou como enfermeira no Hospital Militar de Carabanchel. En xaneiro de 1937, incorporouse como miliciana da cultura á defensa de Madrid no Exército do Centro. Participou na creación de varios fogares-soldado ou hospitais-escola. Fíxose cargo dunha gardaría para os fillos dos soldados e organizou un hotel de repouso para as viúvas e compañeiras dos soldados na provincia de Alacant.
Co golpe do coronel Casado aliñouse coa política de Negrín e dos comunistas, foi detida por membros socialistas do Consello Nacional de Defensa e conducida ao cárcere. O 27 de marzo de 1939, un día antes da rendición de Madrid, foxe xunto a outras presas.
Consegue chegar a Lugo, á casa do párroco de Santa María a Nova, ata onde a alcanzou a persecución policial, se ben librou grazas ao crego. Nestes primeiros meses de semiclandestinidade, acubíllase en varias vilas da provincia, sempre baixo identidade falsa. Houbo un novo intento policial por capturala en 1942. Comezou a establecer conexións cos fuxidos e cos antifascistas de Becerreá, onde colaborou nunha primitiva estrutura guerrilleira. Sen contactos co PCE ata 1944, a súa influencia política e organizativa en parte da provincia de Lugo percibiuse na posterior medra política e guerrilleira provincial.
En 1944 formou parte do Comité Provincial de Lugo e o ano seguinte mantivo relacións directas co PCE. En febreiro dese ano foi responsable de finanzas e de organización. O seguimento sobre o PC de Lugo e sobre Enriqueta Otero intensificouse a partir de finais de 1945. En xaneiro de 1946 varias caídas afectaron a toda estrutura provincial; en febreiro caeron ata cincuenta persoas vinculadas á resistencia.
O 16 de febreiro de 1946 foi detida en Lugo, xunto con Xosé Vicente Rodríguez. Ameazada e torturada, a intervención dalgunhas antigas profesoras salvouna de ser asasinada. Acusada dun delito de rebelión militar e de actividades comunistas, foi sentenciada a trinta anos por rebelión militar e catro anos por un atentado contra a autoridade.
En outubro de 1946 foi trasladada ao cárcere de Amorebieta e a finais de novembro ao de Segovia, no que pasará cinco anos baixo deplorables condicións hixiénicas, médicas, climatolóxicas e alimentarias, polo que participou nas folgas de principios de 1949, que reivindicaban melloras carcerarias.
En outubro de 1951 foi enviada ao penal de castigo de Guadalaxara e meses despois confinárona no penal de Alcalá de Henares, no que conseguiu a liberdade condicional en 1960. A definitiva houbo de esperar ata 1965.
Ao saír da cadea abriu un longo contencioso-administrativo para ser rehabilitada como mestra nacional, o que conseguiu en outubro de 1974. Tras pasar por diferentes escolas, onde intentou promover actividades culturais de base, xubilouse en 1980.
En 1977 crea a Asociación Popular O Carriño, inspirada nas Misións Pedagóxicas republicanas, como un espazo de cultura, reflexión e discusión, afastado do ensino tradicional.
Tamén fundou en Castroverde unha Casa da Muller con nome de "Candida", destinada a dignificar a situación das mulleres do medio rural.
Morreu o 31 de outubro de 1989 e foi enterrada na súa parroquia natal, envolta na bandeira republicana, evocada como «a última guerrilleira galega, a Pasionaria do pobo galego».
E digno de admirar todo o traballo que fixo esta muller por defender o seu pobo, por defender os seus valores, unha guerrilleira como ningunha, defensora das súas ideoloxías, en Castroverde sempre se recordará.
O pasado 11 de Outubro de 2009, Día da Galiza Combatente, fíxoselle unha homenaxe no seu pobo natal, en Miranda (Castroverde), aquí un vídeo sobre como foi o acontecemento:
No hay comentarios:
Publicar un comentario