30 de enero de 2012

Problemas coa Tasa da Construcción...

O Concello de Castroverde subirá o imposto sobre construcións, instalacións e obras (Icio) do 2 ao 3,5%, tras sacar adiante o PSOE en solitario, nun pleno ordinario, a nova ordenanza dese tributo. A oposición rexeitou esa modificación e recriminou ao goberno local que suba impostos aos veciños en plena crise, ao que o alcalde, Xosé María Arias, replicó que non afectará a particulares, senón ás grandes obras.

No debate da proposta, a portavoz do PP, María Gómez Pallín, considerou razoable revisar a taxa, conxelada desde 1989, aínda que avogou por un aumento progresivo, «acorde cos tempos». Por iso, cualificou de «brutal» a subida finalmente aprobada, «dun 75%».

Na mesma liña expresouse o edil do BNG, Pablo Ferreiro, quen tamén sostivo que «non é momento de subir impostos, nunha obra nova vai supor que se pague moito máis por unha licenza».

Ante esas críticas, o alcalde asegurou que a nova ordenanza que regula o Icio inclúe bonificacións do 40% que beneficiarán «á maioría dous veciños, que pagarán ou mesmo ou mesmo menos », polo que a medida só afectará a obras grandes como os parques eólicos. «Este incremento non vai perxudicar nin ao sector primario nin ás vivendas do rural», insistiu, tras o que sinalou que nos concellos de similar tamaño aprobáronse revisións similares ou mesmo se elevou o tipo impositivo ao 4%.

O pleno tamén aprobou que se delegue na xunta de goberno a concesión desas bonificacións do 40%, algo ao que se opuxeron PP e BNG ao rexeitar que se lle retiren competencias ao pleno.

Obras rurais

Outro dos asuntos plenarios que suscitou a polémica foi unha moción do PP, que non prosperou pese ao apoio do BNG, na que propuña o arranxo de varias pistas con cargo ao Peim de 2010, que cofinancian os gobernos central e autonómico.

María Gómez avogou por incluír nese plan os viarios de San Paio-Moreira, San Paio-Gracián, Tórdea-Miranda, Castedo-Francelos e Espasande-Uriz, ao considerar os populares que presentan «deficiencias notorias.

Os edís do goberno local votaron en contra, xa que, segundo anunciou o alcalde, xa se remitiu á Xunta unha proposta na que se inclúe a mellora dos accesos a Barredo, Rebordaos e San Miguel do Camiño.

Ademais, o alcalde lembrou que a partida para Castroverde deste plan é de 75.000 euros, polo que sería imposible abordar todas as actuacións expostas polo PP. Arias acusou tamén á portavoz do PP de descoñecer o plan por propor obras de nova construción, que están excluídas nas bases.

Á marxe das diverxencias sobre as obras prioritarias, a forma na que o grupo municipal do PP presentou a moción, pola vía de urxencia, provocou unha pequena pequena liorta entre Arias e Gómez Pallín.

Aínda que houbo un acordo unánime para admitir a iniciativa a debate, o alcalde asegurou que o seu contido non justificaba esa urxencia, polo que criticou aos populares por non presentala con máis antelación para que puidese ser revisada antes do pleno. María Gómez defendeu o dereito do seu grupo a presentar propostas por esa vía, ao amparo da normativa vixente.

Si que houbo unanimidade para proceder á aprobación definitiva do plan especial de protección do barrio da Fortaleza, un dos trámites pendentes desde a aprobación da PXOM, polo que se regulará calquera actuación urbanística que se execute nesa zona, segundo as directrices da Dirección Xeral de Patrimonio.

Oposición municipal

O alcalde tamén respondeu as preguntas de PP e BNG, formuladas no pleno anterior, sobre a oposición convocada para cubrir unha praza de subalterno, envolvida na polémica ao sacar un 10 nunha proba unha edila do PSOE.

Aínda que o conflito xa se abordou nun pleno extraordinario, no que o rexedor anunciou que a concelleira non superou a oposición, Arias respondeu onte que nese proceso, no que PP e BNG ven irregularidades, «existe unha mecánica na que, como alcalde, non participo», tras o que dixo que non tomará ningunha decisión sobre a devandita oposición até examinar todo o expediente.

«Unha vez revisado, tomarei a decisión que teña que tomar, amparándome sempre na legalidade», subliñou, tras o que insistiu no dereito da edila a optar á praza e afeou á portavoz do PP que prexudicase coas súas críticas «á concelleira e a outros opositores». Á oposición pareceulle insuficiente a resposta, ao crer que non arroxa luz sobre o proceso

No hay comentarios:

Publicar un comentario