As escavacións neste xacemento non levarían a cabo até moito máis tarde, na segunda metade dos anos oitenta. Pero os primeiros materiais arqueolóxicos que proporcionou foron recolleitos pouco despois do descubrimento da cova polo entón director do Museo Provincial de Lugo, Manuel Vázquez Seijas, quen foi avisado polos propietarios da canteira, que era explotada con procedementos case artesanais. As pezas consistían en varias azagayas talladas en hastas de cérvidos e un bo número de fragmentos de fósiles de diversas especies animais: oso das cavernas, oso pardo, hiena, reno, raposo, cervo, corzo, xabaril, cabalo... Estes materiais foron depositados no museo lucense e os máis importantes de entre eles están expostos ao público desde hai bastantes anos.
Estudo interdisciplinar:
A partir de 1987 levaron a cabo tres campañas de escavación que supuxeron o primeiro estudo interdisciplinar realizado en Galicia dun xacemento prehistórico situado nunha cova. Nestas intervencións utilizáronse á vez métodos de investigación arqueolóxica, paleontológica e edafológica.
Aínda que o xacemento quedara moi danado pola propia explosión que o puxo ao descuberto, os traballos deron como resultado a recuperación de preto dun centenar de artefactos líticos -depositados e expostos no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba- e de numerosos fósiles animais. Os datos obtidos nestas investigacións foron difundidos en publicacións científicas e axudaron en gran medida a incrementar o interese polo potencial arqueolóxico e paleontológico das covas lucenses, cuxa exploración se intensificou nas dúas seguintes décadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario