31 de enero de 2012

A importancia descoñecida da Cova da Valiña (Bolaño)...

Fai cincuenta anos, en 1962, unha voadura con dinamita nunha canteira de pedra calcaria do municipio de Castroverde puxo ao descuberto o primeiro xacemento paleolítico galego situado nunha cova que foi obxecto dunha investigación sistemática. O achado, por tanto, é o precedente máis destacado das escavacións que se realizan actualmente en diversas cavidades das serras orientais lucenses, que supuxeron un avance importante no coñecemento da prehistoria remota do noroeste.

As escavacións neste xacemento non levarían a cabo até moito máis tarde, na segunda metade dos anos oitenta. Pero os primeiros materiais arqueolóxicos que proporcionou foron recolleitos pouco despois do descubrimento da cova polo entón director do Museo Provincial de Lugo, Manuel Vázquez Seijas, quen foi avisado polos propietarios da canteira, que era explotada con procedementos case artesanais. As pezas consistían en varias azagayas talladas en hastas de cérvidos e un bo número de fragmentos de fósiles de diversas especies animais: oso das cavernas, oso pardo, hiena, reno, raposo, cervo, corzo, xabaril, cabalo... Estes materiais foron depositados no museo lucense e os máis importantes de entre eles están expostos ao público desde hai bastantes anos.

Estudo interdisciplinar:
A partir de 1987 levaron a cabo tres campañas de escavación que supuxeron o primeiro estudo interdisciplinar realizado en Galicia dun xacemento prehistórico situado nunha cova. Nestas intervencións utilizáronse á vez métodos de investigación arqueolóxica, paleontológica e edafológica.
Aínda que o xacemento quedara moi danado pola propia explosión que o puxo ao descuberto, os traballos deron como resultado a recuperación de preto dun centenar de artefactos líticos -depositados e expostos no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba- e de numerosos fósiles animais. Os datos obtidos nestas investigacións foron difundidos en publicacións científicas e axudaron en gran medida a incrementar o interese polo potencial arqueolóxico e paleontológico das covas lucenses, cuxa exploración se intensificou nas dúas seguintes décadas.

30 de enero de 2012

Problemas coa Tasa da Construcción...

O Concello de Castroverde subirá o imposto sobre construcións, instalacións e obras (Icio) do 2 ao 3,5%, tras sacar adiante o PSOE en solitario, nun pleno ordinario, a nova ordenanza dese tributo. A oposición rexeitou esa modificación e recriminou ao goberno local que suba impostos aos veciños en plena crise, ao que o alcalde, Xosé María Arias, replicó que non afectará a particulares, senón ás grandes obras.

No debate da proposta, a portavoz do PP, María Gómez Pallín, considerou razoable revisar a taxa, conxelada desde 1989, aínda que avogou por un aumento progresivo, «acorde cos tempos». Por iso, cualificou de «brutal» a subida finalmente aprobada, «dun 75%».

Na mesma liña expresouse o edil do BNG, Pablo Ferreiro, quen tamén sostivo que «non é momento de subir impostos, nunha obra nova vai supor que se pague moito máis por unha licenza».

Ante esas críticas, o alcalde asegurou que a nova ordenanza que regula o Icio inclúe bonificacións do 40% que beneficiarán «á maioría dous veciños, que pagarán ou mesmo ou mesmo menos », polo que a medida só afectará a obras grandes como os parques eólicos. «Este incremento non vai perxudicar nin ao sector primario nin ás vivendas do rural», insistiu, tras o que sinalou que nos concellos de similar tamaño aprobáronse revisións similares ou mesmo se elevou o tipo impositivo ao 4%.

O pleno tamén aprobou que se delegue na xunta de goberno a concesión desas bonificacións do 40%, algo ao que se opuxeron PP e BNG ao rexeitar que se lle retiren competencias ao pleno.

Obras rurais

Outro dos asuntos plenarios que suscitou a polémica foi unha moción do PP, que non prosperou pese ao apoio do BNG, na que propuña o arranxo de varias pistas con cargo ao Peim de 2010, que cofinancian os gobernos central e autonómico.

María Gómez avogou por incluír nese plan os viarios de San Paio-Moreira, San Paio-Gracián, Tórdea-Miranda, Castedo-Francelos e Espasande-Uriz, ao considerar os populares que presentan «deficiencias notorias.

Os edís do goberno local votaron en contra, xa que, segundo anunciou o alcalde, xa se remitiu á Xunta unha proposta na que se inclúe a mellora dos accesos a Barredo, Rebordaos e San Miguel do Camiño.

Ademais, o alcalde lembrou que a partida para Castroverde deste plan é de 75.000 euros, polo que sería imposible abordar todas as actuacións expostas polo PP. Arias acusou tamén á portavoz do PP de descoñecer o plan por propor obras de nova construción, que están excluídas nas bases.

Á marxe das diverxencias sobre as obras prioritarias, a forma na que o grupo municipal do PP presentou a moción, pola vía de urxencia, provocou unha pequena pequena liorta entre Arias e Gómez Pallín.

Aínda que houbo un acordo unánime para admitir a iniciativa a debate, o alcalde asegurou que o seu contido non justificaba esa urxencia, polo que criticou aos populares por non presentala con máis antelación para que puidese ser revisada antes do pleno. María Gómez defendeu o dereito do seu grupo a presentar propostas por esa vía, ao amparo da normativa vixente.

Si que houbo unanimidade para proceder á aprobación definitiva do plan especial de protección do barrio da Fortaleza, un dos trámites pendentes desde a aprobación da PXOM, polo que se regulará calquera actuación urbanística que se execute nesa zona, segundo as directrices da Dirección Xeral de Patrimonio.

Oposición municipal

O alcalde tamén respondeu as preguntas de PP e BNG, formuladas no pleno anterior, sobre a oposición convocada para cubrir unha praza de subalterno, envolvida na polémica ao sacar un 10 nunha proba unha edila do PSOE.

Aínda que o conflito xa se abordou nun pleno extraordinario, no que o rexedor anunciou que a concelleira non superou a oposición, Arias respondeu onte que nese proceso, no que PP e BNG ven irregularidades, «existe unha mecánica na que, como alcalde, non participo», tras o que dixo que non tomará ningunha decisión sobre a devandita oposición até examinar todo o expediente.

«Unha vez revisado, tomarei a decisión que teña que tomar, amparándome sempre na legalidade», subliñou, tras o que insistiu no dereito da edila a optar á praza e afeou á portavoz do PP que prexudicase coas súas críticas «á concelleira e a outros opositores». Á oposición pareceulle insuficiente a resposta, ao crer que non arroxa luz sobre o proceso

1 de enero de 2012

Evolución Demográfica dos Concellos da Zona

A poboación da nosa provincia redúcese, en cambio a da capital increméntase. Nos últimos anos incrementou a súa poboación en 10.000, chegando en 2011 aos 98.007 habitantes. Concellos coma Ribadeo ou Burela tamén viron como se incrementaba a súa poboación nos últimos anos.  Polo contra, nos concellos da zona temos o seguinte:
             
                 2000   2005    2008     2010    2011

Baleira
1.923  
1.729  
1.641
 1.533  
1.510
Baralla  
3.344
3.134 
2.998  
2.916
2.889
Becerreá 
3.732
  3.389
  3.276
  3.181  
3.121
Castro   
5.961 
 5.779 
 5.725  
5.566  
5.474
Castroverde
 3.532 
3.236 
3.110 
3.012
 2.933
Corgo    
4.266  
4.236
  4.046  
3.938  
3.882
Meira  
1.852  
1.780  
1.822  
1.787  
1.780

 Cabe destacar que o Concello de Castroverde, no ano 1950 tiña nada máis que 8.122 habitantes, pero a partir de aí a poboación empezou a descender ata o día de hoxe.