8 de marzo de 2012

Festa do Motor en Vilalba...


   A capital chairega viviu un fin de semana dedicado ao mundo do catro rodas coa celebración da terceira edición da Festa do Motor que organiza a Escuadra Terra Chá Sport de Vilalba. O club realizou este acto para facer a presentación oficial do dez coches cos que competirá este ano nos campionatos galegos de rallye nas modalidades de asfalto e terra.

A festa contou cunha exhibición de pilotaxe na que participaron 16 pilotos: o dez da escuadra chairega e outro seis invitados procedentes doutros clubs de Ferrol, Narón e Lugo. A demostración realizouse na chaira da antiga ITV, no polígono industrial, e logrou reunir a unhas 600 persoas, que gozaron do espectáculo durante máis dunha hora.

Unha cea de confraternidade no Hotel Villamartín e a posterior festa na discoteca Troco -en cuxo exterior estiveron expostos os vehículos- completaron o programa de actividades desta festa.

Nova tempada:

Os pilotos que forman parte este ano da Escuadra Terra Chá Sport son os vilalbeses Iván Fernádez e Germán Otero; os lucenses Marcos Rodríguez, Borja Torre, Iago González e José Seijo; Alberto López, César Gonçalves e Francisco López, de Castroverde, e José Anxo López, da zona de Ferrol.

 Todos eles competirán no rallye galego de asfalto -no Trofeo Pirelli, a Copa Khumo e o Volante Racc-, excepto Germán Otero, que probará sorte no de terra.

 A intención de todos os equipos é a de disputar o tres primeiras probas do campionato autonómico e, despois, en función dos apoios económicos que se vaian conseguindo a través dos patrocinadores e de como vaia cada piloto na súa competición, irase completando o campionato ou seleccionando as probas ás que se pode ir, tanto por proximidade xeográfica como por custo, segundo indicaron desde a Escuadra Terra Chá Sport.

A primeira carreira do Galego será os días 17 e 18 de marzo en Lalín, o Rallye do Cocido. Nel a escuadra chairega competirá cun Mitsubishi Evo 10, un Mitsubishi Evo 8, un Mitsubishi Evo 6, un Subaru Impreza, un Ford Scort MK1, dous Peugeot 106, un Peugeot 206, un Suzuki Swift e un Opel Corsa. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario