O novo reitor da Universidade de Cantabria asegura que acode todo o que pode a Castroverde, aínda que «menos do que me gustaría», apunta.
Tras ser elixido co 55% dos votos e desbancar a outros dous rivais, Gómez Sal sinala que os seus obxectivos á fronte da Universidade de Cantabria -institución á que leva ligado desde 1974 e en cuxo equipo de goberno xa participou- pasa por «seguir o modelo no que traballamos até agora, o dunha universidade moi implicada na sociedade cántabra, que colabora coas administración local e rexional, empresas e asociacións», indica.
Gómez Sal engade que a única universidade cántabra pública logra o 33% do seu orzamento a través da investigación, o que a sitúa entre as primeiras do país en canto a captación de fondos. Tamén destaca que é unha das primeiras institucións de educación superior que conseguiu fai un par de anos a declaración de campus de excelencia «porque o noso proxecto é un modelo para a rexión e toda a sociedade apoiouno».
Segundo Gómez Sal, os puntos fortes da UC están na área de hidráulica e enerxía eólica mariña, a área de banca e finanzas, onde conta co apoio do Banco Santander, a tecnoloxía da información e a astrofísica. O novo reitor asume que terá que facer recortes económicos, pero confía en non ter que tocar «partes vitais».