O Concello de Castroverde considera que a Xunta de Galicia non está a achegar os recursos que lle corresponde pola prestación do servizo de axuda no fogar, polo que demanda máis financiamento.
O goberno que encabeza o socialista Xosé María Arias presentará no próximo pleno municipal, que se celebra este xoves, unha proposta nese sentido na que, tras resaltarse o esforzo do Concello para apoiar as persoas en situación de dependencia, pídese á Consellería de Traballo que achegue a lista de beneficiarios das axudas, segundo os seus baremos, e que pague ao Concello uns 110.000 euros, o montante que, segundo as estimacións do goberno local, deberíalle a Administración galega.
Ademais, se o goberno local recibe o visto e prace á iniciativa comunicará á consellería que no próximo ano só vai prestar as horas que sexan financiadas, e non a totalidade das sinaladas no Programa Individual de Atención (PIA) da Xunta.
De saír adiante esta iniciativa, o goberno local poríao en coñecemento do presidente da Xunta, a conselleira de Traballo e os grupos políticos presentes no Parlamento galego.
Outros asuntos plenarios:
No pleno do xoves tamén se someterá a debate unha moción do BNG na que os nacionalistas instan a mellorar a accesibilidade do local electoral de Cellán.
Entre outros asuntos, tratarase ademais un expediente de modificación de crédito por suplemento, por un valor de 227.000 euros e con cargo ao remanente de tesouraría, para diversas actuacións relacionadas co capítulo de gastos en bens correntes e servizos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario