5 de diciembre de 2011

Falece un Xoven preto de Castroverde...

O mozo Víctor Sobrado, de 27 anos e veciño de Ribeira (Láncara), faleceu ao impactar o vehículo que conducía cunha árbore no monte de Goi, no límite entre O Corgo e Castroverde.


O falecido conducía un Audi A3, no que tamén viaxaba como acompañante o seu amigo J.F.A., de 24 anos e veciño do Corgo, que sufriu feridas graves -entre elas a fractura dunha perna- e foi ingresado no hospital Lucus Augusti.

O accidente rexistrouse sobre o sete da tarde, a uns dous quilómetros de Fonteita. O vehículo circulaba en dirección a Castroverde e, por causas que se descoñecen, saíuse da vía polo lado dereito e chocou contra unha árbore que había ao bordo da estrada. De inmediato, empezou a arder.

Rescate:
O primeiro en darse conta do accidente foi un camioneiro que pasaba polo mesmo lugar, que tentou sacar do coche aos mozos e deu aviso aos servizos de emerxencias.

Tras comprobar que o condutor falecera e ver que as chamas ameazaban o interior do vehículo, liberou ao acompañante. Pronto chegaron reforzos, máis condutores que se uniron ao camioneiro e lograron evacuar tamén ao novo falecido antes de que as chamas calcinasen o coche.

A continuación chegaron os bombeiros de Sarria, que sufocaron o incendio aínda que o vehículo quedou inservible, axentes da Garda Civil e efectivos de emerxencias sanitarias, que nada puideron facer polo falecido. Atenderon ao ferido e trasladárono ao hospital.

Curva perigosa:
Numerosos veciños e amigos dos falecidos trasladáronse até o lugar do suceso. Comentaban que se trata dun punto negro no que xa houbo numerosos accidentes. Aseguraban que a estrada «ten ou peralte ó revés e bota vos coches fóra» e preguntábanse «por que ninguén fai nada cando xa houbo polo menos 50 accidentes non mesmo sitio». Onte, ademais, a choiva complicaba a circulación e, segundo as primeiras investigacións, puido contribuír a que o coche perdese estabilidade.

Os dous mozos eran albaneis e moi coñecidos na zona. Tiñan un amplo grupo de amigos e polo seu traballo mantiñan moito contacto tanto con clientes do Corgo como de Láncara ou Castroverde. Os rumores correron como a pólvora por estes municipios e moitos amigos das vítimas achegáronse até o lugar do sinistro para asegurarse de que a mala noticia era real.


No hay comentarios:

Publicar un comentario